A parroquia

Situación e poboación

A uns 5 km ao Noroeste do núcleo urbano de Santiago de Compostela, atópase a parroquia de A Peregrina. Limita ao Leste con San Caetano, ao Sur con Vista Alegre, ao Oeste con Figueiras e Fecha e ao Norte con Grixoa.

Ten unha extensión de 8,85 km2 e un perímetro de 14,88 km no que se sitúan as aldeas de Aradas, O Bargo, Pardaces de Abaixo, Pardaces de Arriba, A Peregrina, Sarela de Arriba, Monte da Vila e Queiroal.

A parroquia está bañada polos ríos Sarela e Gatofero. A altitude media de A Peregrina é duns 300 m, rexistrando a súa altitude máxima no monte Alto da Granxa con 348 m. A altitude a nivel do mar con 260 m é similar á do resto do municipio.

A poboación de A Peregrina conta con 573 habitantes, dos cales 286 son homes e 287 mulleres segundo os datos do INE en 2022. A maior parte da poboación reúnese na aldea de Monte da Vila, sendo a aldea de Pardaces de Arriba a máis baleira con 23 residentes.

Está comunicado por unha estrada local DP-7804 (Santiago – Tordoia) e a CP-0701 que pasa por Santiago – Portomouro.

Patrimonio histórico

O patrimonio de A Peregrina é amplo e variado, case todo está protexido e localizado polo PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal).

Entre os primeiros destaca o conxunto parroquial composto pola igrexa e o próximo cruceiro de pedra.

Igrexa de Sta. Maria de A Peregrina

A igrexa parroquial de Santa María de A Peregrina, erixida en 1795 en estilo barroco de tendencia clasicista, presenta pranta de cruz latina cun ciborio octogonal no cruceiro.

A cuberta é a dúas augas e cuberta con tella do país, no lateral hai unha escaleira de dúas pezas para acceder ao interior dunha casa pareada. O recinto da igrexa está amurallado e rodeado polo cemiterio, o campo das festas, unha carballeira, un palco de música e unha cruz de pedra.

Preto da igrexa está o palco da música de 1928. O escenario ten pranta octogonal e acceso por unha escaleira de sete chanzos.

Carballeira e Palco da música de A Peregrina

Outros cruceiros da parroquia son o Cruceiro de Bargo, de varal octogonal e capitel en forma de tronco piramidal con cruz lisa. E o Cruceiro de Aradas (1892) de tipo cruz, de varal cilíndrico e cruz lisa. Foi cedida pola familia propietaria ao Concello de Santiago. Tamén están o Cruceiro de Pardaces de Arriba e o Cruceiro de O Queiroal.

O patrimonio menos relixioso tradúcese na existencia de elementos construtivos como muíños, pontes ou lavadoiros, pero tamén en representacións prehistóricas.

A Peregrina conta con varios muíños á beira do río Sarela e o do río Gatofero. Tamén hai moitas fontes e lavadoiros como a Fonte do Bargo (1965) e a fonte e lavadoiro da Peregrina (1933) nun lado do río Sarela, restaurado en 2012; a de Aradas (1908) nun cruce de camiños baixo rasante; a de Pardaces de Arriba e a de Pardaces de Abaixo (1928) construída en granito, ferro, barro, cemento e formigón.

Fonte e lavadoiro de Pardaces de Abaixo

Nos dous ríos que atravesan a parroquia destacan as dúas pontes que os salvan. A ponte de Sarela de Arriba sobre o río Sarela, restaurada en 2012, e a ponte de Gatofero sobre o río do mesmo nome. Trátase dunha ponte sinxela cun só arco atravesado polo Camiño Real.

Ponte do Gatofero

En canto á representación de elementos prehistóricos, destaca a existencia do Alto da Croa, catalogado como Castro da Idade do Bronce. Tamén chamada Coroa do Bargo ou Alto do Castro, está formada por un único recinto rodeado por unha liña de defensas formada por un terraplén e un burato.

Referencias:

  • www.parqueagrariodesantiago.org
  • www.ine.es