Por parte da AA.VV. Rio Sarela tense recibido algunha consulta verbo da situación das obras da estrada provincial DP-7804 ao seu paso pola nosa parroquia.

Ao respecto, esta asociación veciñal quere poñer en coñecemento da veciñanza as últimas actuacións realizadas e as informacións que a Deputación Provincial de A Coruña nos ten transmitido.
Dende a AA.VV. Rio Sarela somos conscientes do retraso acumulado destas obras sobre o prazo inicialmente previsto así como das molestias e incomodidades que estas obras están a causar nos quefaceres diarios da veciñanza. Por dito motivo, vimos reclamándolle á Deputación Provincial de A Coruña de xeito reiterado en diferentes reunións e por escrito a súa axilización e remate o máis axiña posible.
A última vez, con ocasión das duras inclemencias metereolóxicas deste mes de Outubro. Por mor destas, os traballos realizados na estrada DP-7804, no treito que vai dende a igrexa parroquial á ponte sobre o río Gatofero en Bargo, converteron a calzada nun lamazal, con evidente risco para os vehículos e os peóns que transitan por ela. Dende a asociación nos puxemos en contacto coa deputación para demandarlle a súa sinalización e amaño o máis axiña posible para garantir a seguridade dese treito.
Asemade, tamén lle demandamos a axilización na execución das obras para evitar situacións como a acontecida en Bargo, e evitar que se repitan coa chegada das borrascas do outono.
Por parte da Deputación Provincial de A Coruña se nos transmitiu que, para rematar as obras aprobaron un reformado do proxecto da estrada DP-7804 a finais de setembro polo Pleno da Deputación Provincial, e do que só lle resta a tramitación administrativa para a súa sinatura. Unha vez asinada, se nos transmite que se retomará a execución das obras ata a súa finalización.
Por parte da asociación estaremos atentos ao cumprimento deste compromiso e denunciaremos calquera situación que supoña un risco para a circulación e/ou os peóns, polo que agradecemos que, polas canles habituais, se nos poña en coñecemento calquera incidencia ou situación de perigo en aras a comunicarlla a deputación para a súa solución ou adoptar outras medidas de presión.