Nota modificación de percorrido e nova parada na zona do Romaño para a Liña 4 (a partir do mércores 30/NOV/2022)

A mobilidade urbana constitúe un piar básico na calidade de vida das persoas, tamén as que habitamos esta parroquia, ao permitir o seu desprazamento ou o acceso a servizos básicos como a educación e/ou a saúde.

Por dito motivo, dende un primeiro momento, a AA.VV. Rio Sarela está a traballar pola mellora dos servizos de transporte público urbano que,actualmente, dan servizo a nosa parroquia.

Coñecedores da intención do Concello de Santiago de Compostela de proceder a unha nova licitación da concesión do transporte público urbano máis tamén de que a implantación efectiva dun novo mapa de servizos pode extenderse nun período de tempo incerto, dende esta asociación veciñal mantivemos diversos contactos cos responsables municipais para, por unha parte, axustar aquelas expedicións/horarios actuais do transporte urbano que da servizo a parroquia, e que contribúan a mellorar o servizo prestado. E, doutra, prolongar a Liña 4 do autobús urbano ata a rotonda da Variante de Aradas e facer unha parada do autobús na zona proxectada e construída para esta función pola Xunta de Galicia, o que permite acercar os servizos desta liña todos os días da semana e, sobre todo, os fins de semana á parroquia, e acceder aos mesmos a todos os veciños e veciñas nunhas mellores condicións.

Froito destes contactos, dende a AA.VV. Rio Sarela informamos de que, a partires do mércores 30 de novembro de 2022, todos os servizos da Liña 4 de transporte urbano prolongan o seu itinerario ata a rotonda da nova Variante de Aradas, e realizarán unha parada na zona habilitada para esta manobra na referida rotonda. A actual parada terminal da Liña 4 ( a situada na ponte do Romaño) pasará a ser a segunda parada do percorrido en sentido cara o centro da cidade.

Para máis información sobre a oferta de servizos do transporte público do Concello de Santiago de Compostela e organizar os nosos desprazamentos, esta entidade conta cunha páxina web, www.tussa.org, na que se pode consultar a información actualizada dos servizos de transporte vixentes en cada momento.

A AA.VV. Rio Sarela quere transmitir o seu compromiso firme de seguir traballando pola mellora dos servizos de transporte público urbano que dan servizo a nosa parroquia, ao tempo que animamos a todos os veciños e veciñas a facer uso de ditos servizos.

Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Garda a ligazón permanente.