FASE I DE RESOLUCIÓN DO CONCURSO
Xa están expostas no CSC A Peregrina as fotografías recibidas ata o 15 de Xuño.

Ademáis podedes ver en detalle cada unha de elas na seguinte ligazón
Ábrese agora o prazo para que dous representantes da Xunta Directiva da Asociación de Veciños e Veciñas Río Sarela, un representante da Comisión de Festas, un representante da Cofradía de Santa María da Peregrina e un representante da asociación cultural “Novo Río Sarela”, elixan as 9 millores fotos que participarán na fase final do concurso.
FASE FINAL DE RESOLUCIÓN DO CONCURSO
Xa temos as fotos finalistas do concurso que podedes ver na seguinte ligazón
Agora tocavos a vós elixir as fotos que serán as gañadoras dos tres premios cos que conta o concurso.
A votación para elixir as mellores fotos é sinxela. No portal web http://aperegrina.org hai unha enquisa situada lo lateral dereito inferior e no cal poderás votar por un máximo de 3 fotos. A votación abrirase o 1 de Setembro e darase por finalizada o 30 de Setembro, momento no que xa teremos gañadores.
BASES I CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS E VECIÑAS “RIO SARELA”
I. PARTICIPANTES
Poden presentarse todos os veciños e veciñas da parroquia de Santa María da Peregrina así como aquelas persoas que non tendo fixada a residencia na parroquia, distínganse pola defensa dos valores sociais de A Peregrina, ou representen intereses relacionados coa problemática socio-económica da mesma, salvo os integrantes da Xunta Directiva da Asociación de Veciños e Veciñas Río Sarela, así como aquelas persoas designadas para formar parte do xurado deste concurso de fotografía.
II. TEMÁTICA
As fotografías presentadas deberán axustarse á temática proposta: «Descobre os recunchos da túa parroquia». A organización resérvase o dereito de aceptar as fotografías segundo se axusten ou non á temática exposta.
III. NÚMERO DE FOTOGRAFÍAS E CARACTERÍSTICAS
Deberá presentarse, únicamente, unha serie de tres fotografías por concursante.
Poderán presentarse, en branco e negro e/ou en cor.
Deberán presentarse en formato electrónico e/ou en papel, de acordo coas seguintes características:
- En soporte de papel, cun tamaño non inferior a 20×30 cm.
- En soporte electrónico, mediante correo electrónico dirixido ao email aavvriosarela@aperegrina.org, cunha resolución mínima de «300 pp.», e en formato «.jpg».
IV. PRESENTACIÓN E ENVÍO DE FOTOGRAFÍAS E CARACTERÍSTICAS
Cando as fotografías se presenten en formato papel, deberán entregarse en sobre pechado, reforzado con calquera outro material que impida o deterioro das fotografías. Dito sobre conterá as fotografías e no reverso desta ou nun escrito independente deberá indicarse o nome, o título da fotografía, así como o lugar onde se realizou. Igualmente, indicarase o domicilio, o teléfono de contacto e o correo electrónico, de ser o caso, do autor/aa.
As fotografías en papel presentaranse na sede da Asociación de Veciños e Veciñas Río Sarela da Peregrina, CSC A Peregrina, sito no Lugar da Peregrina, núm.12, os venres en horario de 17:00 a 18:00 h.
As fotografías remitidas mediante correo electrónico, indicarán no mesmo o nome, o título da fotografía, así como o lugar onde se realizou. Igualmente, indicarase o domicilio, o teléfono de contacto e o correo electrónico, de ser o caso, do autor/a.
O prazo de recepción dos traballos será do 15 de abril de 2023 ao 15 de xuño de 2023, ambos inclusive.
V. EXPOSICIÓN E ENVÍO DE FOTOGRAFÍAS E CARACTERÍSTICAS
As fotografías presentadas ao concurso serán expostas no Local Social da Peregrina durante un prazo de quince días naturais co fin de que poidan ser olladas polos veciños e veciñas da parroquia.
VI. DEREITO E USO DOS TRABALLOS
A participación neste concurso implica a total aceptación destas bases.
As fotos premiadas quedarán en propiedade da Asociación de veciños e veciñas Río Sarela , do mesmo xeito que o total das imaxes presentadas a concurso.
As imaxes non premiadas en formato de papel, se así se solicita, serán devoltas ao seu autor/a, podéndoas recoller no prazo do mes seguinte ao do fallo do concurso.
Así mesmo, os/as participantes ceden os dereitos de reprodución das súas fotografías á asociación citando ao autor/a das mesmas e sempre que sexa sen fins lucrativos.
Os participantes responsabilizaranse de que non existan dereitos de terceiros sobre as súas fotografías. A Asociación de veciños e veciñas Río Sarela comprométese, pola súa banda, a indicar o nome do autor-a cada vez que a súa imaxe sexa reproducida ou cedida, de ser o caso, á Administracións e/ou entidades públicas.
A organización presupón que o fotógrafo/a ten a autorización e/o permiso das persoas que aparecen nos traballos presentados, recaendo sobre o autor/a toda a responsabilidade relacionada co dereito á intimidade.
VII. PREMIOS
A mellor fotografía gañará unha impresora fotográfica compacta para facer impresións inalámbricas rápidas desde teléfonos intelixentes (smartphones) ou dende outros dispositivos electrónicos con conectividade wi-fi.
As fotografías finalistas ( segunda e terceira) gañarán os agasallos de seguido relacionados:
- Segunda fotografía: trípode para teléfonos intelixentes (smartphones) con control remoto e pau selfie
- Terceira fotografía: anel led con trípode con soporte para teléfonos intelixentes (smartphones)
A entrega de premios será fixada pola Xunta Directiva da Asociación de Veciños e Veciñas Río Sarela da Peregrina.
VIII. FALLO
O fallo do concurso farase público na web da Asociación Veciños e veciñas Río Sarela de A Peregrina e no taboleiro de anuncios da Asociación Veciños e veciñas Río Sarela da Peregrina. Con anterioridade comunicarase individualmente aos premiados/as, sendo devandito fallo inapelable.
IX. XURADO
O xurado do concurso estará composto por dous representantes da Xunta Directiva da Asociación de Veciños e Veciñas Río Sarela, un representante da Comisión de Festas, un representante da Cofradía de Santa María da Peregrina e un representante da asociación cultural “Novo Río Sarela”.
Das fotografías achegadas, o xurado seleccionará un total de nove (9) fotografías.
As fotografías seleccionadas polo xurado pasarán a unha segunda fase na que que terá lugar a selección das tres mellores fotografías.
A selección das tres mellores fotografías realizarase polos veciños e veciñas da parroquia de Santa María da Peregrina, que poderán votar as fotografías que máis lle gusten a través da páxina web da Asociación de Veciños Río Sarela de A Peregrina (www.aperegrina.org) no prazo que determine a Xunta Directiva da Asociación de veciños e veciñas Río Sarela de A Peregrina.
X. RESOLUCIÓN DE CONTINXENCIAS
A Xunta Directiva da Asociación de Veciños e Veciñas Río Sarela de A Peregrina queda facultada para interpretar e resolver calquera continxencia non prevista nas Bases.
XI. PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS
De conformidade coa Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, a mera presentación da serie fotográfica ao concurso constitúe unha manifestación de vontade libre, específica, informada e inequívoca pola que este acepta e presta o seu consentimento para o tratamento dos datos persoais facilitados que serán incorporados ao ficheiro de Participantes do que é titular a Asociación Veciños e veciñas Río Sarela de A Peregrina.
Igualmente os autores poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición establecidos na devandita Lei a través dun correo electrónico ao seguinte email: aavvriosarela@aperegrina.org